Friday 01 de November de 2024

A Xunta traslada á FEGAMP que o 98% dos concellos galegos quedarán fóra dos Fondos Estatais para as actuacións de renaturalización e resilencia


― A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informa que, segundo o criterio de reparto que fixa o Goberno central, os beneficiarios desta liña de incentivos son só as cidades de máis de 50.000 habitantes

― Sinala que a Xunta xa trasladou a súa oposición e a reconsideración por parte do Ministerio para realizar un reparto entre os concellos de máis de 20.000 habitantes

A Xunta de Galicia informou recementemente á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) de que o 98% dos concellos galegos quedarán fóra dos fondos que o Goberno central establecerá para fomentar as actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia, dentro do Plan de recuperación, transformación e resilencia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enviou unha carta ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, para informarlle que na última reunión da Conferencia Sectorial, o pasado 15 de xuño, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico trasladou que o criterio de reparto dos fondos para acceder a eses incentivos se centrará na poboación, polo que os beneficiarios serán só as cidades de máis de 50.000 habitantes, o que excluiría dos mesmos a 306 dos 313 municipios da Comunidade.

Deste xeito, aclarou que, polas características de Galicia, moi poucos concellos resultarían beneficiarios destes fondos, co conseguinte prexuízo para a meirande parte. Sobre todo, dixo, tratándose duns fondos que teñen unha singular importancia e permiten ás entidades locais asumir actuacións xeradoras de emprego e de mellora das súas contornas.

Na súa carta, a conselleira tamén indica que Galicia xa manifestou a súa postura en contra do criterio poboacional e pediu a reconsideración da postura do Ministerio para realzar un reparto entre os concellos de máis de 20.000 habitantes.

Así, Ángeles Vázquez quixo poñer en coñecemento da Fegamp a postura da Xunta, coa finalidade de defender os lexítimos intereses dos concellos e posibilitar que os devanditos fondos beneficien á maior cantidade posible de galegos e galegas.